30.8.06

Curso informal de Flickr. Catro cousiñas de nada.

Para os que tivestes a curiosidade de ver que carallo era iso do Flickr , isto é o voso manual para ocupados.
O Flickr é unha páxina web onde se poden ter as fotos que un queira como se fose un disco duro pero coa vantaxe de que, unha vez aloxadas na páxina, pódelas ver en calquera ordenador con conexión a internet sen que teñas que levar o CD das fotos contigo nin mandar ducias de correos electrónicos con catro ou cinco fotos como arquivos anexos aos colegas de turno. Podes escoller si queres que as túas fotos sexan públicas (que as vexa todo o mundo) ou polo contrario, que as vexan só os teus amigos. As fotos consideradas públicas poden ser comentadas ou mesmo descargadas para uso propio (senón se indica o contrario) de maneira que se crean grupos de usuarios que comentan as fotos duns e doutros. O que lle chaman os internautas unha "rede social".

Pero non todo é marabilla no Flickr . Ten dúas pegas. Unha, que está en inglés (xa sei que para algúns de vós non é pega ningunha) e outra, que só se poden aloxar 20 megas de fotos cada mes (arredor de 15 fotos de calidade).

Aínda estás lendo isto? Pois logo é que estás preparado ou preparada para entrar no Flickr .

Nota aclaratoria: si alguén está pensando que este manual informal conta para o concurso de traslados vai apañado.

Como entrar en Flickr

Na anterior entrada vistes a páxina principal de Flickr. Entrades agora, seguro que a foto principal é distinta. Non pasa nada. A foto principal cambia a cada pouco pero a páxina é a mesma. Fixádevos na parte superior dereita. Hai un botón que pon "Sign up! Si xa tendes unha conta de Flickr, é aí onde tendes que premer para acceder á vosa colección de fotos. Se non é así e queredes abrir unha, debedes picar nun pequeno texto azul na parte máis superior da páxina chamado "Sign in". Neste manual imos a usar a conta da Pirámide polo que teríamos que picar en "Sign up!

Feito isto, entramos na páxina de acceso a Flickr. Na parte dereita da páxina é onde nos piden o nome de usuario Yahoo (Yahoo! ID) e mais o contrasinal (Password). Poñemos estes datos no seu sitio, picamos no botón "Sign in" e xa accedemos á nosa conta de Flickr.

E estarédesvos preguntando: "mira este, que chulo! Meter os datos, meter os datos. E onde carallo están eses datos?". E tendes razón. Os datos da conta Flickr da Pirámide seinos eu, pero tampouco podo poñer os datos aquí, á vista de calquera, para que despois nos ande fedellando, nonsi? Quen queira os datos que os pida e xa llos fago chegar dunha maneira máis discreta.